Sunday 28 de April de 2024

A cantante Aitana abrirá o 23 de outubro a programación de outono do Coliséum da Coruña


As entradas para o concerto da artista española do momento sairán á venda o luns ás 11.00 h na web www.coliseum.sacatuentrada.es, entre outros puntos de venda

A alcaldesa, Inés Rey, lembra o éxito dos concertos de Pablo López no multiusos herculino: “Tanto a organización do espectáculo como o público contribuíron a posicionar A Coruña como capital da cultura segura”

O próximo 23 de outubro, o Concello da Coruña traerá ao Coliséum o concerto de Aitana, coñecida por participar na novena tempada do programa televisivo Operación Triunfo. A actuación da cantante e
compositora española, que presentará a súa xira “11 Razones Tour”, abrirá a programación de outono 2021 do recinto herculino. Será a segunda vez que Aitana visita o multiusos coruñés, despois do seu debut en xullo de 2019 ante 4.000 persoas.

A alcaldesa da cidade, Inés Rey, lembra o éxito dos concertos de Pablo López no Coliséum o pasado mes de xullo, con 1.500 espectadores por día, ao que a Dirección Xeral de Saúde Pública deu a súa aprobación polas súas condicións organizativas. “Tanto a organización do espectáculo como o público contribuíron a posicionar A Coruña como capital da cultura segura”, sinalou Rey.

As entradas poranse á venda o luns, 30 de agosto, ás 11.00 h. en www.coliseum.sacatuentrada.es, no despacho de tickets da praza de Ourense, en www.ataquilla.com e na web www.aitanamusic.es con prezos que oscilan entre os 38 e os 48 euros (segundo a zona) máis gastos de distribución.

O concerto contará cunha capacidade máxima reducida, as entradas serán nominais e o público permanecerá sentado durante todo o espectáculo. Ademais, as localidades estarán numeradas e ocuparanse respectando a distancia interpersoal de seguridade.

Desde o Concello anuncian que o resto da programación da tempada outono 2021 do Coliséum irase desvelando durante as vindeiras semanas.